Ola! Empregamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.

UCGAL e a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar - CETMAR asinan un convenio de colaboración.

Entre os obxectivos do convenio: potenciar o consumo de peixe entre as persoas consumiodoras e por en valor a pesca, a acuicultura e o marisqueo.

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e a Unión de Consumidores de Galicia selaron hoxe un convenio de colaboración para traballar de forma conxunta na posta en valor da pesca, a acuicultura e o marisqueo, potenciando a información que sobre os produtos do mar recibe a cidadanía, así como o seu consumo.

O acordo, que ten carácter de convenio marco que amparará o desenvolvemento de proxectos e iniciativas futuras, foi subscrito hoxe na sede de CETMAR en Vigo pola directora-xerente da fundación galega, Paloma Rueda Crespo, e Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia-UCGAL, e terá unha duración dun ano. No acto de sinatura participou así mesmo, Rosa Chapela Pérez, directora da área de socioeconomía da pesca da Fundación Cetmar e directiva da UCGAL.

A medio deste convenio, e ademais de garantir e mellorar a protección dos dereitos das persoas consumidoras de produtos do mar e de potenciar a información que reciben, ambas as entidades comprométense a fomentar o consumo dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, facilitando a información que permita reforzar a credibilidade e a transparencia do sector, así como a confianza e a seguridade das persoas consumidoras.

Entre as actividades propostas no convenio marco para cumprir ese obxectivo atópanse campañas de información e sensibilización; actividades de coñecemento e difusión como cursos, seminarios e xornadas, conxuntas; a realización de estudos e o intercambio de información e asesoramento, ou a realización de proxectos sobre tendencias de consumo de produtos do mar que contribúa á toma de decisións tanto ás empresas como á administración, entre outros axentes.